Entrevista a Conchita do Píldaro, que liderou o CIT durante máis de dúas décadas

Entrevista a Conchita do Píldaro, fundadora do CIT

En que ano e con que obxectivo xorde o CIT de A Pontenova?

O CIT xorde no ano 1978 co fin de dinamizar a vida do pobo, non só a nivel de pesca, senón tamén cultural, deportivo e en calquera ámbito no que a entidade puidese ser de utilidade.

De onde xorde a idea?

Dun grupo de amigos que adoitaban xuntarse diariamente a tomar un viño e que tiñan en mente ideas para levar a cabo na vila, pero que debían executarse por medio dunha asociación, e desta maneira, pouco a pouco, foi nacendo o CIT case coma unha necesidade urxente para darlles forma a todas esas actividades.

Quen formaba parte desa primeira directiva e como foi evolucionando?

Lembro que nas primeiras directivas estaban entre outros Elías da Farmacia, Jaime Coladas (o meu marido) e Ramón Méndez o médico, a quen este ano lle outorgarán, moi merecidamente por certo, a Troita de Ouro na Festa da Troita 2026. Había máis pero agora mesmo non me lembro.

Como foron os seus comezos?

Eu comecei por casualidade, xa que no ano 1981, que foi cando entrei na directiva, necesitaban xente nova para substituír algún que o deixaba e, dado que ninguén quería naquel momento asumir a presidencia, pois animeime e collín esa responsabilidade.

Cantos anos estivo vostede á súa fronte?

Estiven 21 anos, sempre coma presidenta. Nesa etapa foron moitos os que foron pasando pola directiva e recórdoos a todos con gran cariño e gratitude polo traballo feito.

Foron moitas as actividades e iniciativas que se puxeron en marcha dende a súa fundación en áreas moi distintas…

Podería contarnos algo máis sobre elas e como foron evolucionando?

Como foi unha etapa moi longa, deu tempo a realizar moitas cousas; podería sinalar así rapidamente a popular sardiñada que faciamos sempre no verán para que puidesen asistir todos aqueles socios que durante o ano, por traballo, vivían fóra pero que na época estival estaban aquí de vacacións; tamén os grupos de baile e danza rexional e, como non, os campionatos de pesca, tanto o da festa como o social.

Cal é a que recorda con máis cariño?

Téñolle un cariño moi especial ao grupo de baile e danza rexional porque tratabamos con nenos e mozos da contorna, e andar polo medio da mocidade sempre é bo. Ademais, a día de hoxe, todos aqueles rapaces, xa adultos, aínda me lembran pola rúa cando ven aquela etapa tan bonita na que iamos actuar polos concellos da contorna.

E a que lle deu máis dores de cabeza?

Organizar a festa da Troita naquela época era complicado xa que non había os avances tecnolóxicos de agora e había moitas tarefas que hoxe parecen sinxelas pero que nos anos 80 eran totalmente manuais e daban, como ben dis, algunha que outra dor de cabeza.

Como recorda co paso do tempo eses anos? Volvería repetilo?

Repetiría cos ollos pechados. Para min foi unha etapa moi enriquecedora en todos os aspectos, coñecín moita xente, fixéronse moitas cousas no pobo e creo que, visto con perspectiva, foron vinte e un anos ben aproveitados e moi frutíferos.

Cóntenos algunha anécdota da asociación e dos seus anos de xestión.

Lembro un ano que o 1 de maio, unha vez rematado o concurso de pesca, estabamos facendo o reconto dos pescadores e faltaban dous. Pensamos que lles puidera pasar algo malo, como caer ao río ou mancarse… puxémonos toda a directiva a buscalos e resulta que, como non colleran ningunha troita nas horas que durou o concurso, decidiron pola súa conta seguir pescando. Atopámolos tan tranquilos polo río adiante, sen inmutarse… pero nós levamos un bo apuro.

Share on facebook
Share on twitter
Share on pinterest
Share on whatsapp
Share on email

Contacto

Estrada Taramundi s/n
27720 | A Pontenova
982 342 101
turismo@concellodapontenova.org

Horarios

De martes a sábado:
De 10:00 a 14:00
De 16:00 a 19:00

Domingo:
De 10:00 a 14:00

© Copyright 2026 Turismo A Pontenova

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies